Malia algunhas melloras puntuais realizadas nos últimos anos, o Goberno municipal considera prioritario acometer unha renovación total para adaptar a contorna aos actuais estándares de mobilidade e calidade urbana. O investimento centrarase en converter estas vías en espazos máis habitables. Entre as medidas previstas destacan: a ampliación de beirarrúas para dispoñer de espazos máis grandes e seguros para o tránsito peonil; unha reordenación da circulación, establecendo direccións únicas que permitirán gañar espazo para ampliar as prazas de aparcadoiro; melloras estéticas e ambientais mediante a renovación total dos pavimentos, renovación e ampliación das zonas verdes e modernización do sistema de iluminación pública.
Esta primeira intervención, superior aos 2 millóns de euros, forma parte dun proxecto global, no que se tratará nunha segunda fase a obra de reforma integral do Mercado Municipal, así como toda a súa contorna.
Proximamente o Concello convocará a unha asemblea informativa a todos os veciños e veciñas das rúas afectadas, así como ás distintas persoas propietarias de negocios e comercios, para informar pormenorizadamente do proxecto.