Oleiros, 19 de novembro de 2012-. O Concello de Oleiros organiza para esta semana 4 novas charlas de divulgación da administración electrónica. Estas charlas, que están a permitir aos cidadáns coñecer os trámites que poden realizar coa Administración local a través de Internet desde a súa propia casa, están a impartirse nas distintas casas do pobo e centros cívicos do municipio. Hoxe celebrarase una nova sesión na casa do pobo de Iñás a partir das 19.00 horas. Mañá será na casa do pobo de Nós ás 19.45 horas, o mércores ás 20.00 horas na casa do pobo de Mera e o xoves ás 19.00 horas na casa do pobo de Lorbé.
Esta fiestra dixital á Administración conta inicialmente con 22 trámites dispoñibles, 14 para a cidadanía e 8 para provedores, pero esta cantidade irase incrementando progresivamente a medida que se cumpran fases da posta en marcha do Plan de Administración Electrónica do Concello de Oleiros. A nova sede electrónica dispón de sistemas que permiten o establecemento de comunicacións seguras sempre que estas sexan necesarias. Para isto, o portal establece o Rexistro Electrónico en 5 trámites para os que é necesaria a identificación e sinatura mediante e-DNI, ou certificado dixital da Fábrica Nacional de Moeda e Timbre. A nova ferramenta, á que se pode acceder de forma sinxela desde a portada do portal web municipal, inclúe os servizos da Carpeta Cidadá, o Portal do Provedor e o Portal de Notarías e Xestorías.