Oleiros, 31 de marzo de 2021-. O Servizo de Normalización Lingüística convoca o I Premio TikTok do Concello de Oleiros, dirixido ao alumnado de ESO e bacharelato. Este concurso ten como obxectivos promover o uso da lingua entre a mocidade, fomentar a creatividade da xente nova e contribuír á creación dunha comunidade galega en TikTok.
As videocreacións serán en galego, terán unha duración máxima de 1 minuto, a temática versará sobre a literatura galega e valorarase a orixinalidade. Non se admitirán vídeos que promovan unha mensaxe violenta, ofensiva ou discriminatoria, ou que non se axusten ás bases.
Para inscribirse no certame deberase enviar ao correo lingua@oleiros.org a ficha de participación e o vídeo, ata o 26 de abril. Todas as pezas admitidas publicaranse na conta de Instagram das Casas da xuventude do Concello de Oleiros @centrosmocidadeoleiros co cancelo #tiktokoleiros.