Oleiros, 20 de xuño de 2012-. A Rede Municipal de Bibliotecas de Oleiros elaborou unha guía con 278 recomendacións de libros, DVD e CD titulada Lecturas para ti. Na publicación ofrécense recomendacións de obras que emocionan, divirten, entreteñen, informan, instrúen e fan pensar. É unha selección de historias que invitan a coñecer mellor a nosa cultura ou outras diferentes. Trátase dunha selección de creacións de autoras e autores galegos, españois e internacionais, para distintos gustos, intereses, preferencias e idades. A guía repartirase a todo o alumnado de primaria dos centros de ensino público do Concello, así como nas bibliotecas municipais a aquelas persoas que a soliciten.
O obxectivo que se persigue é presentar obras de calidade literaria, artística ou científica para animar á súa lectura, audición ou visionado. Trátase de material que está dispoñible nas bibliotecas municipais e que os usuarios e usuarias poden levar en préstamo para as súas casas. Os libros figuran clasificados por idades. Trátase só dunha recomendación, xa que cada nena ou neno ten un grao de desenvolvemento mental que debemos respectar.