Hemeroteca

Asset Publisher

Back O Concello de Oleiros apoia a manifestación en contra da privatización dos terreos públicos do

 Oleiros, 28 de maio de 2021-. Máis de cincuenta entidades da área metropolitana da Coruña teñen convocada unha manifestación que percorrerá as rúas da Coruña este domingo 30 de maio en defensa do porto da Coruña para reclamar o mantemento da titularidade e xestión pública dos terreos portuarios na súa ordenación urbanística, contra a privatización dos espazos portuarios, o mantemento dos seus usos produtivos e da economía do mar e o impulso da innovación e da integración porto-cidade.

 
Precisamente no pleno municipal celebrado no día de onte, aprobouse unha moción sobre a defensa do porto da Coruña. Os acordos adoptados foron os seguintes:
 
- Instar o Goberno do Estado á condonación total da débeda da Autoridade Portuaria da Coruña con Portos do Estado para a construción do porto exterior de Punta Langosteira, ou establecer unha axuda económica equivalente, tomando as medidas normativas necesarias e a inclusión das partidas correspondentes nos Orzamentos Xerais do Estado.
 
- Instar o Goberno do Estado á execución do acceso ferroviario do porto exterior de Punta Langosteira, licitando e adxudicando a obra neste ano 2021, co compromiso firme do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axencia Urbana para a súa inclusión nos fondos europeos ou, no seu defecto, asegurar os recursos dos orzamentos do Estado para a súa execución.
 
- Instar o Goberno Municipal á defensa dos seguintes criterios na transformación do porto interior: protección da fachada histórica como patrimonio público, aumento do espazo libre público e equipamentos públicos en ámbitos infradotados, políticas de adaptación e mitigación do cambio climático, aposta pola infraestrutura verde e a mellora da mobilidade viaria, ciclista, ferroviaria e peonil, así como a potenciación de usos portuarios, produtivos e complementarios relacionados coas economías do mar e orientado á integración porto-cidade.
 
- Instar o Goberno Municipal a apoiar a manifestación do 30 de maio de 2021, convocada por entidades de toda a área metropolitana, baixo o lema "En defensa do porto", publicando un Bando, colaborando na súa difusión, poñendo os medios para facilitar a participación nesta e proporcionando as axudas necesarias para o seu éxito.
 
back link