Oleiros, 27 de abril de 2011-. O Concello de Oleiros, a través da rede de bibliotecas municipais, organiza unha serie de actos para conmemorar o Día das Letras Galegas que este ano titulamos Deixa un bico no espello, palabras que collemos dun verso do escritor homenaxeado Lois Pereiro.
O xoves, 28, ás 11.00 horas, no auditorio da Fábrica, en Santa Cristina, terá lugar unha conferencia sobre Lois Pereiro a cargo de Xosé Manuel Pereiro, irmán do homenaxeado, xornalista e decano do colexio profesional de Xornalistas de Galicia e un concerto de poemas de Lois Pereiro musicados polo cantautor arxentino Manu Clavijo (voz, guitarra e violín), para o alumnado de ESO e bacharelato dos institutos Mª Casares de Bastiagueiro, Miraflores de Oleiros e Neira Vilas de Perillo. Todas estas actividades están dirixidas ao alumnado dos centros de ensino público deste concello, pero a elas tamén poden asistir outras persoas que o desexen.
Ademais destas actividades dirixidas ao alumnado dos centros de ensino público, tamén está programada fóra do horario escolar, a hora do conto, que se realiza ás 18.30 horas. O xoves, 28, Soledad Felloza para nenos e nenas maiores de 6 anos e a Compañía Trinke Trinke para nenos e nenas menores de 6 anos, narrarán diferentes historias na Biblioteca Central Rialeda, en Perillo. As diferentes actividades desta semana finalizarán o venres, 29 de abril, ás 18.30 horas, coa programación de Ler para Saber. Na Biblioteca Central Rialeda terá lugar a charla de divulgación científica para nenos/as e adolescentes titulada “Verde que te quero verde”, a cargo de Mª del Mar Domínguez Pacheco, profesora do CEIP A Rabadeira de Oleiros.