Oleiros, 21 de xaneiro de 2013-. O Concello de Oleiros levará a cabo nas próximas semanas diversos traballos de mellora no campo de fútbol Eugenio Pardo Conchado co obxectivo de optimizar a eficiencia enerxética deste equipamento deportivo e para modernizar as súas instalacións.
Dentro desta serie de obras inclúese a substitución das actuais lámpadas do campo de fútbol por outras de máis durabilidade e maior eficiencia lumínica. Esta mellora afectará tanto ao exterior como á cafetería, aos aseos, aos vestiarios e ás zonas de paso. Así mesmo, cambiarase o sistema de auga quente sanitaria co mesmo obxectivo de eficiencia enerxética.
Por outra banda, o terreo de xogo será modernizado, xa que por mor do uso desta instalación o céspede artificial foi perdendo o caucho que simula o tacto natural da herba e o bote do balón. O material estenderase cunha máquina especial e a continuación pasarase unha varredora para campos de fútbol para que o caucho penetre no campo.