Hemeroteca

Asset Publisher

Back O alumnado do IES Miraflores prepara o lanzamento dunha cápsula ao espazo

Oleiros, 17 de xaneiro de 2016-. Os estudantes de 3º de ESO e 1º de Bacharelato do IES Miraflores, dirixidos polas profesoras Raquel Rendo e Rocío Rey, están a participar no proxecto Marumasat II que consistirá no lanzamento dunha cápsula á estratosfera. Con este proxecto preténdese, entre outras cousas, levar a cabo un estudo científico a partir dos datos recabados.

A cápsula estará dotada de instrumental científico e técnico fabricado polo propio alumnado co que se pretende chegar ata os 35.000 metros de altura.  O aparello tamén incorpora os equipos audiovisuais necesarios para gravar o ascenso e descenso. Isto permitirá que ademais da análise dos datos, os estudantes editen as imaxes gravadas para montar unha curtametraxe, despois da aterraxe e posterior localización.

Este é un proxecto conxunto do IES Miraflores, o IES Maruxa Mallo de Ordes e o IES Marco do Camballón de Vila de Cruces que foi iniciado o curso pasado. O venres terá lugar a primeira actividade do proxecto cun congreso científico no que participarán os alumnos dos tres centros de ensino. O lanzamento da cápsula será en Ordes, en vindeiras datas, xa que xeograficamente ofrece máis posibilidades. Ao ocupar unha posición máis central minimízase o risco de caída do aparello no mar.
 

back link