Oleiros, 9 de outubro de 2017-. Unhas 70 persoas participaron hoxe nas Torres de Santa Cruz na primeira das dúas asembleas informativas abertas aos veciños e veciñas de todo o municipio nas que o alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, informou sobre os cortes de tráfico e os cambios na circulación que se van producir desde finais do mes de outubro con motivo das obras do sifón da ponte da Pasaxe e do novo colector da rede de saneamento. O mércores ás 20 horas haberá outra no auditorio da Fábrica, en Perillo.
No encontro xurdiron diversas dúbidas por parte das persoas asistentes que foron contestadas polo alcalde, que explicou tamén a importancia das obras que se van levar a cabo durante os vindeiros meses e que provocarán esta situación. Xunto co tanque de tormentas que se está a construír en Santa Cruz, esta importante actuación completará definitivamente a rede de saneamento do Concello de Oleiros. A obra consiste, entre outras cousas, na colocación dunha grande tubaxe dun metro de diámetro baixo o carril dereito da avenida Ernesto Che Guevara -dirección A Coruña, desde a rotonda do monumento ao Che ata a ponte da Pasaxe-, que obrigará a cortar ese carril en tramos de 100 metros durante máis de seis meses.