Oleiros, 17 de marzo de 2021-. Producións teatrais excéntricas presenta o sábado ás 19:30 horas no Auditorio Gabriel García Márquez de Mera a obra Medida x medida. Melania Cruz, Patricia Vázquez, María Costas, Evaristo Calvo, Josito Porto, Santi Romay e Víctor Mosqueira forman o elenco desta obra de William Shakespeare que dirixe Quico Cadaval.
Esta comedia negra desenvólvese nunha Viena surrealista inventada por Shakespeare. O mandatario Duque Vincenzo pasa á clandestinidade e manda aplicar con todo rigor a lei contra os comportamentos inmorais. Cae a lei por igual sobre o negocio do sexo e sobre a xuventude hedonista. Un xoven de boa familia é condenado a morte. Isto obriga a Isabella, a súa irmá monxa, a abandonar o convento por tres días coa tentativa de salvar a vida do seu pecadento irmán. Un mundo de vicio, perversidade e corrupción tentarán lixar a súa brancura virxinal. Palacios, cadeas e arrabaldes serán o labirinto que percorre Isabella na súa carreira contra a morte. Todo observado dende as sombras por un Duque Vincenzo, irrecoñecível baixo o hábito de frade mendicante.
As entradas poñeranse á venda a partir das 18:30 horas, a 5 euros, ata completar a capacidade da sala. A obra está recomendada para un público adulto.
Ante a situación sanitaria, e seguindo as directrices das autoridades, será obrigatorio manter a distancia de seguridade e asistir con máscara, así como atender as indicacións e normas da organización.