Oleiros, 2 de xullo de 2014-. Dentro do Programa de Excursionismo e Sendeirismo para maiores que organiza o Concello de Oleiros realizáronse nos pasados días tres rutas de sendeirismo polas Ínsuas do Miño, un dos “Paraísos cercanos” escollidos para visitar na programación deste ano.
Nesas tres rutas máis de 120 persoas maiores de Oleiros visitaron esta zona da Terra Chá, en Lugo, chea de vexetación e fauna nesta época do ano, cunha riqueza fóra do común, que lles permitiu gozar do marabilloso espectáculo que ofrece a natureza no río Miño e o seu contorno na primavera.
Despois dunha ruta de 14 km por sendeiros seguindo o leito do río, con varias paradas para coñecer máis a fondo algún dos elementos que se atopaban polo camiño e repoñer forzas cunha comida campestre, achegáronse á casa museo de Manuel María en Outeiro de Rei.
Nesta localidade atópase a Casa de Hortas, casa natal do poeta chairego, na que os maiores de Oleiros puideron coñecer de primeira man, nunha magnífica visita guiada, a obra e vida de Manuel María, a súa casa e o que significaba para el, xa que baixo os seus ollos a casa cobraba vida propia sendo unha referencia continua na súa obra.
Grazas ao traballo da Fundación Manuel María podemos hoxe en día coñecer o legado deste importante poeta das letras galegas, que dá o seu nome á biblioteca municipal de Oleiros. No Pleno Municipal do Concello de Oleiros do pasado mes de xuño acordouse conceder unha subvención nominativa á Fundación Manuel María para que poida continuar co seu importante traballo.
Hoxe empezaron as excursións de sendeirismo coa segunda ruta, tamén por terras de Lugo, en concreto pola Mariña Lucense, desde Rinlo, en Ribadeo, ata Foz, coñecendo as dúas catedrais da zona: a praia das Catedrais en Barreiros, un dos monumentos naturais máis bonitos de España, e a basílica de San Martiño de Foz, unha das catedrais máis antigas de Galicia.