Oleiros, 22 de abril de 2015-. O alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, solicitou unha reunión urxente coa conselleira de Sanidade para tratar o relevo do doutor Rodríguez Caramazana, médico de atención primaria en Santa Cruz desde hai máis de tres lustros. O rexedor dirixiuse á responsable de Sanidade a través dun escrito no que destaca o bo facer do médico, a súa calidade humana e o malestar entre os seus pacientes e toda a localidade de Santa Cruz por este traslado.
Hemeroteca
Asset Publisher
A carta sinalaba que «o doutor D. Francisco Rodríguez Caramazana leva 15 anos exercendo como médico de familia de 1.800 veciños e veciñas deste municipio, encantados do seu bo facer, desde todos os puntos de vista, como profesional e como persoa. O seu coñecemento do perfil psicolóxico dos seus pacientes posibilita que moitos deles saian da súa consulta sen ningunha doenza e sen necesidade de consumir fármacos». Ademais, García Seoane, informou á conselleira do malestar entre a poboación oleirense, e en particular entre os seus pacientes, por este incomprendido relevo. «Non entenden que unha persoa que leva 3 lustros consultando en Santa Cruz non teña a súa praza consolidada», sinala o texto.
Por último o rexedor insistiu na urxencia desta reunión e na súa importancia, posto que o caso particular do doutor Caramazana debe ser tratado de forma específica. «Rogo que me conceda a oportunidade de explicarme, no prazo máis breve posible, co obxecto de evitar situacións desagradables para todos», conclúe o texto.