Oleiros, 8 de agosto de 2013-. O Concello de Oleiros apoia a petición dunha familia para que o seu fillo reciba a atención necesaria para recuperarse dun coma. Pablo López Bouso, de 26 anos de idade, quedou en coma en abril de 2012 como consecuencia dun atropelo que sufriu cando se dirixía ao seu posto de traballo en bicicleta. Na actualidade Pablo atópase no Hospital de Oza e xa saíu do coma, atopándose nun estado de mínima consciencia pero con respostas positivas a certos estímulos. No informe médico elaborado polo neurólogo que o atendeu sinala que a súa atención debe levarse a cabo nunha unidade multidisciplinar de neurorehabilitación.
Semella que na rede sanitaria pública galega non existe un servizo cos medios e os profesionais axeitados para dar a resposta que necesita nestes momentos Pablo, polo que tería que ser trasladado ao Institut Guttman, en Barcelona, único centro preparado para dar esa atención que precisa e que ademais forma parte do Sistema Sanitario Nacional de Saúde e ao que podería ser derivado.
Dende o Sergas están a negarlle esta posibilidade o que motivou que a súa familia iniciara unha serie de mobilizacións ante a Conselleira de Sanidade, o Presidente da Xunta de Galicia e a Casa Real. Ante a falta dunha resposta positiva ou un compromiso en firme para revisar a súa petición non lle quedou outra alternativa que iniciar unha petición de apoio popular a través das redes sociais.
Na web www.peticiones.org podemos atopar a súa solicitude de apoio á que se quere sumar o Concello de Oleiros de forma solidaria, invitando a todas aquelas persoas que queiran apoiar esta petición a entrar na dita web para respaldar esta causa.