Oleiros, 25 de febreiro de 2021-. O alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, mantivo esta mañá unha reunión cos responsables da Dirección Xeral de Costas para reclamar distintos asuntos de importancia para o Concello de Oleiros que son competencia do Estado e que neste momento atópanse pendentes de realizar.
En relación aos desprendementos no Xunqueiro, Costas comprometeuse a reparar os accesos á cala, que ademais dos bañistas tamén son utilizados por numerosos pescadores para acceder ao mar. “Dicían que eles non tiñan nada que facer aí, que en España había moitas calas... Pero a min impórtame a costa de Oleiros, e a zona que se veu abaixo está no ámbito de actuación de Costas, non do Concello. A lei é moi clara, comprometéronse a velo e agardo que actúan con urxencia tanto no acceso á cala como no outro desprendemento que pode afectar á estrada”, dixo o alcalde Ángel García Seoane.
O alcalde tamén tratou na xuntanza de hoxe a necesidade de mellora da rampla de acceso á praia de Santa Cristina, que se atopa nas proximidades do náutico onde se gardan as embarcacións do Club de Regatas de Perillo. Os responsables de Costas comprometéronse a abordar esta actuación.
Sobre a solicitude realizada polo Concello no 2019 de repoñer area na praia do porto de Santa Cruz, tal e como se manifestara en ocasións anteriores, a predisposición é boa por parte da administración central. Agora o alcalde solicitará unha reunión en Madrid para loitar pola execución deste proxecto.