Oleiros, 23 de febreiro de 2022-. Este sábado finaliza o IX Ciclo de Música Voces Cálidas para Noites de Inverno co concerto de Tulsa no centro cultural A Fábrica, en Perillo, ás 20:30 horas. As entradas estarán á venda desde unha hora antes do inicio do espectáculo a un prezo de 3,50 euros.
Baixo o nome de Tulsa escóndese o universo de Miren Iza, unha guipuscoana (Irún, 1979) que comezou a dar os seus primeiros pasos no mundo da música co grupo Electrobikinis. Punk-rock e surf cantado en inglés. Electrobikinis sepáranse en 2002 e é entón cando Miren Iza, comeza a escribir cancións en castelán, narracións emocionais con resaibo folk rock americano. O seu primeiro disco longo “Sólo me has rozado” foi editado en 2007. En 2010 edítase o seu segundo álbum, “Espera la pálida” (Subterfuge), no que continúa a exploración do son “americana” e leva o grupo, naqueles tempos integrado por 6 músicos a facer unha xira extensa, durante os dous seguintes anos, por toda España, e recalando puntualmente en Arxentina e Nova York. En 2011 Miren trasládase a vivir a Nova York, onde continúa escribindo cancións e facendo concertos. Antes de volverse definitivamente a España embárcase nunha xira por EEUU mesturando por primeira vez o son acústico coa electrónica. En 2015 edita o álbum “La Calma chicha” e en 2016 grava a banda sonora da película de Jonás Trueba “Los Exiliados Románticos” e que se edita baixo o mesmo nome. Realizan unha xira conxunta de proxección da película e concerto da banda por varios lugares de España. En 2017 grava e edita “Centauros” e en 2021 edita ‘Ese Éxtasis’, o seu último álbum de estudio.