Oleiros, 07 de outubro de 2016-. Coa ruta “Sendeiros do outono” percorrendo os camiños de Cíes, Baiona e o río Miño remata a vixésima edición do programa Ven e descubre, un programa para coñecer, escoitar, gozar e reflexionar sobre diferentes lugares da xeografía galega. Nesta edición participaron 653 persoas maiores procedentes das distintas localidades de Oleiros que ocuparon 1364 prazas nas 19 saídas de excursionismo cultural e 535 prazas nas rutas de sendeirismo. Foron un total de 33 xornadas de actividade desde os meses de abril ata outubro.
As persoas que participaron nas actividades coñeceron a fondo a Ribeira Sacra ourensá, o mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil, as vilas de Pontevedra, Outeiro de Rei, Muxía. Allariz, Ourense, Bares, O Barqueiro, As Pontes, Panxón, Baiona e A Guarda; os museos de Pontevedra, Fundación Manuel María e a casa do escultor Víctor Corral: os ríos Miño, Arnoia, Castro, Douro, Xentiña Miñor, Lérez e Sor; os cantís de Estaca de Bares, Dexo e Cíes; as praias de Nemiña, praia América, Mera, Patos e Rodas; o parque Nacional das Illas Atlánticas, o parque de natureza de Marcelle; as igrexas románicas de Maianca e Baamonde e moitos máis lugares, paisaxes e persoas coas que compartimos coñecementos e experiencias.
Ven e descubre non é un programa de paseos, é un programa de vida, dinámico, onde se crea un espazo para compartir. Cada visita é unha proposta de inmersión na contorna, na paisaxe, na historia, na economía, nas persoas que alí viven. É unha viaxe acompañada na que os guías provocan, suxiren e seducen para que os participantes desexen coñecer e compartir os coñecementos.