Oleiros, 22 de outubro de 2015-. As obras do tanque de tormentas de Santa Cruz, que segundo o compromiso da Xunta de Galicia comezarán a principios do vindeiro ano, contemplan a renovación do parque infantil ubicado xunto ao río xa que se verá afectado de cheo por esta actuación. O Concello de Oleiros non acometeu estas melloras con anterioridade para non malgastar os cartos públicos.
“Acabamos de arranxar 62 parques infantís en todo o Concello, pero non tiña sentido investir os cartos nun parque que xa vai ser renovado de xeito inmediato coas obras do tanque de tormentas”, explicou o alcalde Ángel García Seoane. O proxecto da obra contempla a renovación total do parque infantil.
Durante o tempo que duren os traballos, o recinto terase que pechar. “Santa Cruz non quedará sen parque. Buscaremos opcións para ubicar os xogos para os nenos e nenas noutra zona da localidade de xeito provisional", dixo García Seoane.