Hemeroteca

Asset Publisher

Back Actividades educativas para o fomento da lectura do Sistema de Bibliotecas Públicas Municipais 2023-2024

Participarán preto de 3000 alumnas-os dos centros de ensino de Oleiros

Sobre 3000 alumnas-os dos centros de ensino de Oleiros participarán nas actividades de fomento da lectura que se levarán a cabo nas Bibliotecas Municipais

Un curso máis as Bibliotecas Públicas Municipais de Oleiros organizan a Programación de actividades de fomento da lectura dirixidas ao alumnado dos centros de ensino deste Concello, co obxectivo de fomentar a lectura, así como que coñezan algunhas das bibliotecas municipais para que as visiten e utilicen no horario en que non permanecen nos seus respectivos centros de ensino.

Levaranse a cabo na Biblioteca Central Rialeda (Perillo), na Biblioteca Municipal Rosalía de Castro (Santa Cruz), no Teatro As Torres e na Biblioteca Municipal Manuel María (Oleiros). Comezarase o 6 de febreiro e realizaranse ata finais de maio. Serán 145 sesións e arredor de 3000 participantes, alumnado de educación infantil, primaria, ESO e bacharelato, acompañados do seu profesorado. 

No dossier presentado aos centros de ensino figuran 61 actividades diferentes, das que o profesorado de cada un dos centros de Oleiros seleccionou un total de 46, que son as que mellor se adaptan á súa programación escolar. En función da idade, do curso que estean realizando e da escolla de cada profesor ou profesora, o alumnado poderá visitar a Biblioteca Central Rialeda, recrearse con contacontos e a narración de historias, achegarse á mitoloxía, divertirse con espectáculos musicais, gozar con pezas de teatro, deleitarse coa poesía, coñecer a produción literaria de autoras-es como Rosalía de Castro, Agustín Fernández Paz, Fina Casalderrey, Álvaro Cunqueiro, Julio Cortázar, Yolanda Castaño e Luísa Villalta, que é a escritora homenaxeada este ano con motivo do Día das Letras Galegas, etc. 

Algunhas das actividades que se levarán a cabo son:

Contacontos como As aventuras de Mariña con GaleatroAvó e Contos no ar con Ramiro NeiraA gran aventura dos animais con Trémola TeatroFamilias diversas ou O caracol namorado con Trinketrinke TeatroOs libros da titiriteira con A Xanela do Maxín.

Concertos como Cantos contos canto con Pablo Díaz.

Espectáculos poéticos a cargo da escritora Yolanda Castaño (Premio Nacional de Poesía).

Coñecer a vida e a obra da insigne autora Rosalía de Castro con A miña historia a cargo de Trémola Teatro.

Coñecer a obra de escritores-as como: Álvaro Cunqueiro con Feirantes; de Fina Casalderrey e de Agustín Fernández Paz con Contos de aquí, ambas a cargo de Ramiro Neira ou tamén a Agustín Fernández Paz con Voar sen medo con Chus Álvarez.

Saber quen foi Ánxel Casal con Contos nosos a cargo de Ramiro Neira.

Descubrir un abano de obras pictóricas de todo o mundo con Aproximación á ilustración a cargo do ilustrador Óscar Villán.

Aproximarse á nova mitoloxía con Superheroes ou viaxar a través das viñetas en Viaxe en viñetas co ilustrador Miguel Cuba.

Achegarse á literatura latina con As metamorfoses de Ovidio a cargo de Charo Pita.

Achegarse á microficción con O bo, si breve... ou o obradoiro de poesía con Fogóns poéticos a cargo da poeta Isabel Andrés.

Aproximarse á poesía española con Poéticas: unha viaxe pola historia da poesía española con Chus Álvarez.

Deleitarse coa poesía galega con Poéticas galegas a cargo de Chus Álvarez.

Achegamento á vida e á obra de Luisa Villalta, a autora homenaxeada este ano con motivo do Día das Letras Galegas con A nena do violino e a poesía con Trémola Teatro, A pequena Luísa ou Tinta de mar con Ramiro Neira, Luísa Villalta, entre violín e a poesía a cargo de Charo Pita. 

Con todos estes actos pretendemos favorecer o acceso ao libro en condicións de igualdade para toda a cidadanía; promover a lectura; participar en procesos de creación e expresión oral e escrita; fomentar unha lectura lúdica, crítica e reflexiva e colaborar no proceso de desenvolvemento da imaxinación e a creatividade. Desde as bibliotecas municipais de Oleiros traballamos para conseguir novas e mellores lectoras-es que contribúan a crear unha sociedade máis culta, libre e solidaria. 

back link