Hemeroteca

Dende Outubro 2010

Atrás Aberto o prazo de preinscrición para optar a participar en cooperativas de vivendas en Perillo, Dorneda e Mera

As persoas interesadas poden rexistrarse na web municipal no formulario habilitado ao efecto: www.oleiros.org/coop

As veciñas e veciños de Oleiros que desexen adquirir un piso a prezos inferiores aos do mercado libre poden preinscribirse para optar a participar nunha das 3 cooperativas que se van crear para construír 54 vivendas: 13 na rúa Dona Emilia en Perillo, 19 na rúa Eduardo Galeano en Mera e 22 na urbanización de Xaz en Dorneda –avenida Europa-. Inicialmente, só poderán participar persoas empadroadas en Oleiros que non superen os criterios económicos máximos establecidos pola Xunta de Galicia para acceder a vivendas de protección de oficial. 

Todas as persoas preinscritas serán informadas polo Concello do procedemento a seguir para formar parte das cooperativas que creará a empresa encargada de xestionar a construción das vivendas.

Nas vindeiras semanas formalizarase a venda das 3 parcelas municipais para edificar estas vivendas á empresa que formará as cooperativas. Este solo foi acadado gratuitamente pola xestión urbanística que realiza o Goberno municipal, que garante un crecemento ordenado e sostible do territorio. Ante a falta de políticas públicas por parte das administracións competentes en vivenda (Xunta e Estado), o Concello de Oleiros optou por esta vía para garantir un dereito básico da cidadanía, fortemente ameazado en todo o Estado español. Debido ás condicións ofrecidas pola Xunta, o sistema convencional de fomentar a construción de vivenda pública non funciona, xa que non interesa a ningunha empresa promotora.

Para acceder ao formulario de preinscrición pinche AQUÍ.

back link