Hemeroteca

Asset Publisher

Back A Xunta reclámalle o custo de construción da vía que conecta Oleiros coa vía Ártabra aos propie

Oleiros, 6 de marzo de 2020-. A Consellería de Facenda interpuxo un recurso contencioso administrativo contra o Concello de Oleiros por aprobar o proxecto de compensación promovido polos propietarios dos terreos do SUD-7, comprendidos entre a rotonda das olas e a piscina municipal. Aos veciños e veciñas promotores desta actuación, constituídos en Xunta de Compensación para o desenvolvemento do solo urbanizable, a Xunta reclámalles 664.758,88 euros, que segundo o organismo autonómico é o que custou o tramo autonómico da Vía-20 (conexión Oleiros-vía Ártabra) executado entre os anos 2009 e 2013.

 
A vía Ártabra, incluída no Plan sectorial da rede viaria da Coruña, aprobado no 2004 pola Xunta, foi executada neste tramo da parroquia de Oleiros mediante a cesión gratuíta do solo á Consellería de Ordenación do Territorio por parte dos propietarios, renunciando a Xunta ao aproveitamento urbanístico correspondente. Este tramo de estrada aparece no Plan parcial, executado en base ao establecido no Plan xeral como SUD-7. As persoas propietarias deste solo urbanizable tamén cederon gratuitamente no seu día á Consellería de Sanidade os terreos para a construción do Centro de Saúde da Covada e á Consellería de Educación o solo para a ampliación da escola pública da Rabadeira. 
 
“A vía de conexión de Oleiros coa vía Ártabra construíuse entre o 2009 e o 2013. Antes da obra, os veciños e veciñas propietarios do solo urbanizable que hai entre a rotonda das olas e a piscina municipal entregaron gratuitamente á Xunta o terreo necesario para crear esta estrada coa condición de que se reservaban o volume urbanístico no momento que se desenvolvese ese solo. Pois resulta que agora, 7 anos despois de rematar esta estrada, cando os propietarios e propietarias van urbanizar, a Xunta reclámalles que paguen este tramo da vía Ártabra. Isto é algo realmente escandaloso”, dixo o alcalde Ángel García Seoane.
 
A decisión da Xunta de Galicia de paralizar a actuación urbanística está a crear inseguridade xurídica. Para reconducir a situación provocada polos servizos técnicos da Xunta de Galicia, o alcalde solicitará unha reunión urxente co conselleiro de Facenda.
back link