Oleiros, 2 de xuño de 2014-. Tras as continuas demandas ao longo dos últimos meses por parte de veciños e veciñas e do Goberno local de Oleiros, a Xunta de Galicia anunciou que, os próximos días 25 e 26 de xuño procederá ao pago do xustiprezo dos terreos afectados pola vía Ártabra. O pagamento efectuado pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas terá lugar na Casa Charry do Concello de Oleiros os citados días en horario de 9.00 á 10.30 horas.
Efectuaranse os pagos dos terreos afectados pola vía Ártabra no treito I (N-VI, enlace de Meirás e variante de Oleiros), no treito II (enlace Meirás-Veigue, AC-526), e treito III (Veigue-Porto de Lorbé). Para poder cobrar deben estar presentes os propietarios e propietarias que conten coa titularidade do terreo expropiado. De non estar os propietarios a persoa presente debe acreditar un poder. En caso de que algunha persoa titular falecese deberá presentarse o certificado de defunción e o testamento.
Para saber se se está incluído neste proceso de pagamento pódese chamar ao teléfono de atención ao veciño do Concello de Oleiros onde se ampliará a información sobre este proceso.