Oleiros, 26 de abril de 2016-. A xestión realizada polo goberno municipal durante o ano 2015, baseada nunha eficiente e rigorosa administración dos fondos públicos, permitiralle ao Concello de Oleiros pechar as contas do pasado exercicio cun superávit de dous millóns de euros. Agora, ese diñeiro poderá empregarse en mellorar as infraestruturas e os servizos municipais.
Ángel García Seoane, alcalde de Oleiros, destacou que a súa presenza durante os últimos oito meses na Deputación da Coruña permitiu que o Concello puidese aforrar unha importante cantidade de cartos grazas ás achegas procedentes do organismo provincial. Desde a súa condición de deputado, García Seoane está a vixiar que Oleiros reciba o trato que lle corresponde por parte do actual Goberno e non se repita o boicot sufrido na anterior lexislatura.
En canto ao destino dos cartos do superávit, o alcalde aclarou que a lexislación vixente impide investir eses fondos en novas infraestruturas. “Estamos analizando o que imos facer. Principalmente empregarémolos en mellorar a rede de augas, tal e como fixemos cunha parte importante do superávit de 2014, e tamén repararemos distintos edificios públicos que presentan importantes servizos aos veciños e veciñas do municipio”, dixo.