Hemeroteca

Asset Publisher

Back A indefinición de Arteixo pode crear graves problemas a todos os concellos da comarca

Oleiros, 19 de outubro de 2015-. O alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, lamentou a situación que está a provocar o Concello de Arteixo coa súa posible renuncia a unha xestión conxunta dos servizos a través da futura Mancomunidade. O rexedor aposta por realizar canto antes o traspaso do Consorcio das Mariñas ao novo organismo e manter os servizos que actualmente xestionan de xeito conxunto os concellos da comarca.

“Non é o momento de opinar e divagar sobre futuros servizos a mancomunar. Agora o que hai que facer é realizar canto antes o traspaso do actual Consorcio á Mancomunidade, tal e como está”. O novo organismo, viría a reemprazar o Consorcio das Mariñas, que ante os cambios lexislativos aplicados polo goberno do PP obriga a formación do novo ente antes de final de ano. No caso de que non se poida prorrogar o Consorcio e non se chegue a un acordo para a formación da Mancomunidade estamos diante dunha situación moi complicada e perigosa. “Se o Consorcio xa non existe non se lle pode pagar nin aos traballadores do organismo nin ás empresas que prestan os servizos”, declarou García Seoane.

Sobre a posible non participación de Arteixo na futura mancomunidade, o alcalde explicou que se trata dunha manobra política do PP para colocar a persoas afíns. “Aprecio persoalmente o alcalde de Arteixo e sei que non parte del a intención de que o seu concello non participe na futura Mancomunidade. O partido do que forma parte, o PP, perdeu a súa posición en moitas administracións de Galicia logo das eleccións de maio. Ante esa situación, precisan colocar a moitas das persoas que quedaron sen os seus postos de traballo. É por iso que queren crear unha empresa municipal de recollida de lixo e augas, cando realmente o que se precisa e o que é mellor para todos os concellos da comarca (A Coruña incluído) é a xestión conxunta dos servizos”, dixo.
 

back link