Oleiros, 28 de xuño de 2017-. O auditorio da Fábrica acolle o venres ás 20:30 horas a proxección de Frankenstein 04155: un documental que analiza o accidente ferroviario acontecido en Angrois (Santiago de Compostela) o 24 de xullo de 2013. Aitor Rei, director e guionista, realizará unha presentación previa e unha vez finalice o audiovisual establecerase un coloquio entre os participantes.
Frankenstein 04155 repasa o descarrilamento do tren Alvia 04155, na entrada de Santiago, cun saldo de 81 falecidos e máis de 140 feridos. A verdade oficial sinala como único responsable ao maquinista. Pero unha traxedia nunca ten unha sola causa... Que hai detrás do accidente ferroviario máis grave da democracia española? Cales son as causas e quen tomou as decisións que contribuíron de forma decisiva na catástrofe? Ata o momento estes datos permanecían ocultos. Agora, xa non…
A entrada será libre, ata completar a capacidade da sala. O documental non é recomendado para menores de 16 anos.