Oleiros, 15 de febreiro de 2022-. O venres ás 20:30 horas no Auditorio Gabriel García Márquez de Mera, Elahood presenta o seu espectáculo de danza NÓ, dirixido por Julia Laport Rivas, Sabela Domínguez Pérez e Kerick Sandy MBE. As entradas poñeranse á venda a un prezo de 3,50 euros a partir das 19:30 horas, ata completar a capacidade da sala.
NÓ, baixo a interpretación de Julia Laport e Sabela Domínguez, é unha proposta de danzas urbanas que lanza unha mensaxe contraditoria e anima o público a descifrala. Mentres a compañía afirma “non ter nada importante que dicir”, na súa peza vense mensaxes rotundas que atenden ás necesidades e carencias da situación socio-económica actual. A precariedade laboral, a identidade de xénero ou as novas tecnoloxías, son algunhas das temáticas polas que transita a peza, unha dramaturxia que se achega aos discursos que ocupan o debate actual, anticipando unha ruptura cunhas formas de facer preestablecidas.
NÓ é unha co-produción entre o Centro Coreográfico Galego, Agadic e Elahood, que conta co apoio do Concello de Oleiros e da Asociación Cultural Manicómicos. Elahood é unha compañía emerxente oleirense de danza urbana fundada en 2017.