Oleiros, 28 de xaneiro de 2016-. O III ciclo de música Voces cálidas para noites de inverno comeza o sábado co concerto de The Lollipops (A Fábrica, 20:30). Unha das tres grandes voces que compoñen este grupo é a de Mairan Ledesema, unha polifacética artista que goza a diario deste interesante proxecto musical que parece moi propio dos anos 50 pero que vai moito máis alá.
Abrides o sábado o III ciclo de música Voces cálidas. Que esperades do concerto?
O auditorio do centro cultural A Fábrica é un lugar precioso, moi ben levado e cunha acústica extraordinaria. O público acepta moi ben as nosas propostas e é marabilloso.
The Lollipops móvese entre a música jazz, soul e swing, principalmente. Leva moito traballo realizar todos ese arranxos das cancións que interpretades?
Facemos cousas de wospel. Tamén temos algo de jazz máis moderno, pero a idea principal sobre a que se asenta a nosa música é o jazz vocal dos anos 50. Hai moitísimo traballo detrás. Necesítase moito ensaio e moita precisión na afinación. Hai que ensamblar harmonías que en determinadas ocasións non son as que pide o corpo, aínda que resulta moi divertido.
Poderíase dicir que sodes unha banda tributo a toda unha época de facer música.
Exacto. Escollemos temas dos 50, maioritariamente, e arranxámolos. Transmitimos a actitude das tres rapazas alegres que representan o swing desa época dourada.
Ademais do tema vocal, coidades moito a vosa estética e a vosa posta en escena.
Creo que é a esencia de calquera proxecto artístico. Hai que vender maxia, non só música. Nós pretendemos ofrecer unha actitude, un concepto. Por iso queremos coidar a imaxe, a dinámica enriba do escenario. Levámonos moi ben e queremos transmitilo. Mesmo facemos chistes no medio das actuacións.
Como xorde un proxecto musical deste tipo?
As miñas compañeiras Patri e Paula foron as que arrancaron. Eu entrei o ano pasado, encantada da vida de participar nun grupo así. Elas xa o viñan preparando desde hai dous anos e cando cheguei eu, xa saímos con todo.