Este ano, os asistentes poderán atopar á súa disposición as novas cintas métricas que se repartirán nos Puntos Violetas baixo o lema “A distancia márcoa eu”. A súa distribución busca lembrar, dun xeito visual e simbólico, a importancia de construír entre todas e todos un ambiente de respecto mutuo, onde o límite persoal sexa entendido como unha condición básica para desfrutar dunha festa segura e libre de violencias. Deste xeito, dáselle continuidade á campaña “Non faltes á festa, pero de festa non faltes”, coa que se busca achegar á poboación ferramentas para a prevención, detección e actuación fronte ditas violencias durante as celebracións vencelladas ao ocio nocturno.
Os Puntos Violeta son puntos de referencia, atención e acompañamento psicolóxico conformados por un equipo experto de profesionais na materia. Contan cun Protocolo de Actuación en caso de producirse calquera tipo de agresión sexual, LGTBIfóbica ou calquera outro tipo de agresión machista, en coordinación directa coas Forzas e Corpos de Seguridade, así como cos Servizos Sanitarios. Ademais, tamén son espazos de sensibilización abertos á cidadanía, nos que se proporciona material de sensibilización e información sobre os recursos e servizos municipais na materia, ademais de realizarse accións divulgativas adaptadas ás diferentes idades.