Noticias

Noticias

Atrás Unha foto escultura denuncia a situación inhumana á que os gobernos occidentais condenan ás per

Oleiros, 04 de abril de 2016.- O acto público de denuncia das políticas de non asilo da Unión Europea “Á Deriva” congregou a máis de 400  persoas o pasado venres na praia de Santa Cristina que quixeron desta maneira amosar o seu apoia ás persoas refuxiadas ao mesmo tempo que denunciaron a actuación dos gobernos terroristas de occidente que primeiro crearon as guerras e agora tratan de xeito inhumano ás persoas que escapan dos seus países.

Nun fermoso evento público celebrado cara o solpor deste venres de primavera no areal de Santa Cristina, a resposta dos veciños e veciñas de Oleiros á convocatoria foi protagonista xunto co descubrimento da foto-escultura do fotógrafo Gabriel Tizón “Á Deriva”, coa cal se quere ilustrar a terrible situación pola que teñen que pasar milleiros de persoas día a día, tratando de entrar en Europa para ter un futuro lonxe das bombas e das guerras creadas polos Gobernos terroristas de Occidente nos seus países.

Gabriel Tizón, coautor do libro “Muros” e do documental “Lesbos, a illa que non flota”, presentou a súa obra cun discurso no cal fixo referencia á durísima situación que viven as persoas refuxiadas e que el mesmo viviu en primeira persoa ata hai uns días en Idomeni. O refuxiado sirio Zaid Alhamwy tamén narrou en primeira persoa como tivo que fuxir do seu país pola guerra e a difícil situación pola que están a pasar os seus compatriotas.

Pola súa parte, o alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, foi moi crítico coa política migratoria da Unión Europea e dos seus aliados e denunciou de xeito contundente o trato que están a recibir as persoas refuxiadas que chegan a Europa. García Seoane expresou o seu malestar polas actuacións dos gobernos terroristas de occidente pola barbarie, o crime e o terrorismo que levaron a África e Oriente. “Minto cando digo iso? Quen creou as guerras? Eu non deixarei de denunciar estas situacións”, dixo o alcalde e presidente de Alternativa dos Veciños.

back link