Oleiros, 12 de marzo de 2018-. A presidenta da Fundación Instituto de Liderazgo de Las Segovias, unha entidade sen ánimo de lucro que traballa con persoas que se atopan en situación de exclusión no sueste de Nicaragua, visitou esta mañá o Concello de Oleiros para presentar un interesante proxecto sobre memoria histórica no país latinoamericano. Haydé Isabel Castillo Flores informou sobre o proxecto que se pretende levar a cabo, no que participarán numerosos excombatentes que realizarán diversas actividades coas que se pretende realizar un proceso de sanación e sensibilizar sobre a necesidade de recuperar a memoria.
Na xuntanza, na que participou a concelleira de Cooperación Margarita Figueroa, Castillo Flores interesouse tamén polos programas de cooperación desenvolvidos desde Oleiros e agradeceu as últimas campañas de envío de material escolar a varios colexios do seu país. Ademais, o Concello de Oleiros comprometeuse a apoiar a iniciativa do ex presidente uruguaio José Mújica de que o poeta e sacerdote nicaraguano Ernesto Cardenal reciba o premio Nóbel de literatura este ano.