Oleiros, 3 de outubro de 2017-. O grupo de sanitarios galegos da ONG Solidariedade Galega que van desenvolver durante os vindeiros días un proxecto de atención médica no Hospital Óscar Danilo Rosales de Nicaragua xa se atopan no país latinoamericano. O Concello de Oleiros colabora con este proxecto costeando os gastos de desprazamento para facilitar así o traballo altruísta das persoas participantes.
O hospital atópase no departamento de León, onde residen medio millón de persoas, e conta con 343 camas. Os médicos, algúns deles veciños de Oleiros, botarán ata o 13 de outubro atendendo e intervindo con cirurxías a aqueles nenos e nenas con pés zambos, secuelas de fracturas, espasticidades e outras doenzas similares. Os sanitarios, que destinan as súas vacacións a este proxecto, atenden de xeito gratuíto a calquera persoa que o precise, fan xornadas intensivas coas pausas imprescindibles para descansar e tamén colaboran na formación de sanitarios do país.