Noticias

Noticias

Atrás O pleno aproba unha declaración para denunciar o acordo entre a UE e Turquía

O pleno do Concello de Oleiros aprobou na sesión do xoves 31 de marzo a seguinte declaración:

O pasado domingo 20 de marzo quedou activado o vergonzoso pacto entre a Unión Europea e Turquía. Un pacto que evidencia a absoluta insensibilidade dos líderes europeos coa crise humanitaria das persoas refuxiadas. Para os efectos, este acordo asinado por todos os estados membros, non busca un xeito de garantir os dereitos humanos dos que fuxen da guerra, senón unha fórmula ou artimaña xurídica para lexitimar as expulsións masivas cara Turquía, prohibidas no artigo 19 da Carta de Dereitos Fundamentais da UE, que di expresamente:

1. Prohíbense as expulsións colectivas.
2. Ninguén poderá ser devolto, expulsado ou extraditado a un Estado no cal corra un grave risco de ser sometido á pena de morte, a tortura ou a outra penas ou tratos inhumanos ou degradantes.

A pesar de que o presidente do Consello de Europa, Donald Tusk, asegure que, e cítase textualmente: "Cada migrante será tratado de forma individual con todo o respecto e dignidade”,  a realidade fálanos de que tan so 24 horas despois da entrada en vigor deste pacto xa foran trasladadas 3.800 persoas de Lesbos a Kavala co obxectivo de comezar os trámites para as primeiras expulsións. E mentres este proceso se activa, nin as persoas refuxiadas deixan de intentar chegar ás illas gregas nin cesan as mortes no Mediterráneo. A triste verdade deste acordo supón que se unha persoa chega ás illas gregas, o seu nome pasa a engrosar a inxente lista dos que aspiran a atopar asilo en Europa nun futuro, algo que, ata o momento, só conseguiron 700 persoas das 160.000 iniciais que ían ser trasladadas.

E o Goberno do estado, en funcións, é cómplice desta situación pola súa connivencia a respecto do acordo. Ademais, é incapaz de someterse ao control do Pleno do Congreso nunha nova demostración de falta de saúde democrática. Son ilustrativas as palabras de Mariano Rajoy trala sinatura para comprender a falta de compromiso dese Goberno cos dereitos das persoas refuxiadas: "Hemos logrado un acuerdo razonable, conforme a la legalidad y que pretende dar una respuesta eficaz al drama actual de los refugiados”.

A quen si hai que dar as grazas polo seu compromiso e polo inestimable traballo no terreo son aos centos de xornalistas, fotógrafos e voluntarios que reportan o que está a suceder nestes lugares dentro da mesma Unión Europea, tales como Lesbos ou Idomeni. Grazas a este traballo, coñecemos que o trato que están a recibir as persoas refuxiadas por parte das Institucións e das Forzas Policiais non só é efectivamente degradante, senón que vulnera todos os principios fundacionais da Unión e os Dereitos Humanos destas persoas, reitérase, dentro das nosas fronteiras.

O que os líderes destes Estados asinaron con Turquía é unha declaración directa de vulneración da lexislación internacional:

a) En primeiro lugar, contémplase que as persoas que cheguen á Unión Europea en condición de refuxiadas, serán enviadas a Turquía (país fóra dela e na que xa viven máis de 3 millóns de persoas refuxiadas). A legalidade internacional non permite expulsar a solicitantes de asilo, salvo que sexa a un país considerado seguro e que ofreza un igual grao de protección. Curiosamente, dos 28 da UE, só Hungría (gobernada polo ultranacionalismo conservador de Víktor Orbán) considera a Turquía “país seguro”. A artimaña de Europa consiste en declarar a Turquía país seguro e obrigar a Grecia a facer o mesmo aínda sabendo que, tal e como sinala ACNUR, non é certo: O xornal con máis tirada nacional e crítico co Goberno, Zaman, foi tomado pola Policía turca hai unhas semanas e os continuos bombardeos da súa artillería aos militantes kurdos do Partido dos traballadores no sueste do país evidencian que Turquía non é tal “país seguro”.

b) A Convención sobre o Estatuto dos Refuxiados de Ginebra de 1951, no seu artigo 3, prohibe a discriminación dos solicitantes de asilo en función do país de orixe. Pois o acordo UE-Turquía so compromete acollemento para as persoas solicitantes que proceden de Siria, mentres que pecha completamente as portas a afganos e iraquíes (o 41% dos solicitantes no 2015 procedían destes dous países). Ademais, Turquía incumpre este artigo, a pesares de ter ratificado o Estatuto, xa que é o único país do mundo que limita os países cuxos cidadáns poden obter o estatus de “refuxiados”: só o poden facer os europeos. É dicir, os sirios solicitantes de asilo non terían tal consideración legal en Turquía.

c) A cambio destes envíos masivos, Turquía recibirá 3.000 millóns de euros (ampliables a 6.000). E dicir, un intercambio de persoas por cartos, coma se fosen mercadorías. Unha sorte de subcontratación coa cal a Unión Europea desenténdese da situación cos cartos de todos nós. Así Turquia convértese nun auténtico campo de concentración de refuxiados no que, ademais, funciona a mafia do tráfico de persoas.

Unha crecente cantidade de colectivos, institucións públicas, asociacións, ONG’s, partidos políticos, xornalistas e medios de comunicación de diversa índole teñen amosado o seu rexeitamento a este acordo, por consideralo un agravio aos Dereitos Humanos.  O Concello de Oleiros, leva moitísimos anos defendendo os dereitos das persoas que sofren as guerras creadas polos intereses do capital en Oriente Medio. E condena sen reservas calquera atentado produto do fanatismo e de quen o alimenta, sexa en Bruxelas, en Bagdad, en París, en Iemen ou en Paquistan porque, ao final, os mortos sempre os poñen os oprimidos. Sempre os pon o pobo.  E neste caso, o (concello de oleiros) Goberno oleirense non se conformará con ser mero espectador mentres a Unión Europea actúa de forma totalitaria.

Oleiros estará no outro lado da trincheira, defendendo os dereitos das persoas refuxiadas e non quedará calado ante esta barbarie dos Gobernos terroristas da Unión Europea e Turquía.
Dar traslado da presente declaración a todos os organismos e responsables implicados na mesma