Oleiros, 29 de setembro de 2015-. O Concello de Oleiros fixo pública no pleno do pasado xoves unha declaración institucional ante a gran cantidade de persoas que fuxe dos seus países debido ás guerras creadas polos gobernos de occidente. O texto íntegro da declaración é o seguinte:
A situación de crise das persoas que veñen fuxindo da guerra nos seus países de orixe (especialmente Siria) é a maior en Europa dende a II Guerra Mundial, pero non é unha situación descoñecida. Cinco anos despois da invasión de Iraq en 2003 por Estados Unidos (cualificada como “ilegal” polo entón Secretario Xeral da ONU, Koffi Anan), máis de dous millóns de persoas refuxiadas recibiron asilo en Siria (que pasou de 17 a 19 millóns de habitantes en poucos meses) e en cidades como Damasco nin a subministración eléctrica chegaba para abastecer a tantos novos habitantes, pero a solidariedade pesou máis saíndose cara adiante.
No mesmo período de tempo, EEUU, que interviñera directamente en territorio iraquí, tan só acolleu a 15.000 refuxiados en cinco anos. Ademáis disto, Siria tivo tamén a solidariedade de acoller a máis de medio millón de palestinos que se viron expulsados das súas terras pola colonización israelí promovida dende os diferentes gobernos sionistas de Ariel Sharon e Benjamin Netanyahu, fundamentalmente nos territorios de Gaza e Cisjordania.
Hoxe, países como Tunisia, Libia, Exipto, Iraq, Afganistán, Siria, Paquistán, Iemen, Sudán, Somalia, Chad e tantos outros, están inmersos en terribles loitas internas mentres as súas riquezas son esquilmadas polas multinacionais que actúan como correa de transmisión dos gobernos terroristas de occidente. Petróleo, gas, coltán e outras materias primas mércanse a prezos irrisorios e trócanse por armamento para que as tribos sigan en guerra e matándose. En definitiva, unha realidade insostible e provocada polo colonialismo e imperialismo occidental.
Agora, a situación de guerra provocada por unha insurxencia radical siria presumiblemente alimentada económica e armamentísticamente pola intelixencia estadounidense, británica e arábiga, provocou a proliferación dun dos maiores anacronismos políticos do noso tempo. A Daesh, un grupo terrorista que fundamenta as súas atrocidades nunha mala interpretación do Islam e da Sharia, provoca asasinatos masivos a sangue fría. Atentados, secuestros, violacións, reclutamento militar de nenos ou destrución de patrimonio humano e cultural, están entre as actividades deste grupo radical.
Por todo isto Europa, que se podería considerar cómplice das intervencións da OTAN e do financiamento destes grupos, debe responder agora neste intre no que a poboación civil siria, que tan solidariamente acolleu sempre a millóns de refuxiados que as guerras imperialistas de Occidente deixaban ao seu paso, viuse na obriga de fuxir alén das súas fronteiras na procura dunha oportunidade para vivir dignamente.
Tras unha primeira postura de Alemaña de brazos abertos e unha Comisión Europea esixente cos seus países membros, as políticas de fronteiras estanse a endurecer novamente e tan só se teñen admitidos uns 120.000 acollementos, dos cales España aceptará arredor de 14.000.
A pesar de que a Deputación da Coruña ten aprobada unha moción ó respecto e moitos Concellos do Estado tamén manifestaron a súa intención de colaborar activamente co asunto, é imprescindible instar ás altas esferas do Goberno do Estado e da Unión Europea para que actúen tendo en conta a magnitude da situación, denunciando ademáis os crimes de guerra cometidos ante os tribunais superiores de xustiza, como o Tribunal da Haya.
Debemos esixir que os gobernos afectados por este éxodo se fagan cargo dunha atención digna dos milleiros de persoas, vítimas que se podería presumir das súas políticas e no que atinxe ó noso Estado, que o goberno da nación que leva anos saneando a súa economía grazas ao comercio coa industria petrolífera, a costa dos recursos de países de Oriente Medio, que se responsabilice con cargo ós seus orzamentos das achegas e axudas para as persoas que se acollan nos Concellos españois con carácter de refuxiadas.
A carta dos Dereitos Humanos estase afundindo no Mediterráneo xunto con todos os principios que en teoría sustentaron a formación da Unión Europea. Solidariedade, xustiza social ou liberdade, son neste intre so verbas e papel mollado, sabemos que as verbas lévaas o vento e seguirán morrendo milleiros de persoas e mentras os gobernos de Europa seguirán levantando fronteiras inútiles.