O Concello demandaba que se anulase a autorización ambiental integrada outorgada a LIMPOIL, por ser contraria a dereito, alegando que a localización inadecuada (en plena ría, próxima a praias e zonas de interese ambiental e pesqueiro); existen deficiencias na avaliación ambiental (simplificada e sen informes suficientes); carece de protocolos de seguridade, medidas preventivas e xestión de augas residuais; e falta de rigor na análise dos efectos socioeconómicos e ambientais. Con esta sentenza xudicial ordénase á administración autonómica a que se pronuncie expresamente sobre o fondo destas alegacións.
Esta mesma empresa xa fora denunciada en 2002 ante os tribunais polo Concello de Oleiros porque os vertidos que recollía nas augas do porto (restos de aceite, combustibles etc.) eran derramados posteriormente nunha nave situada en Icaria, a través da rede de sumidoiros municipal.
As características desta planta son totalmente incompatibles coa actividade pesqueira que hai no porto de Oza. Xa no seu día, o informe da Consellería de Medio Ambiente recollía o impacto desta planta nunha contorna especialmente sensible. Este peirao non é una polígono industrial e atópase a carón das praias de Oza e Santa Cristina e nas proximidades da ría do Burgo. Despois de décadas de loita por unha ría saneada, xeradora de riqueza a través de actividades de lecer, da pesca e do marisqueo, a cidadanía da comarca non debe sufrir a presenza dunha planta ilegal contaminante.
Este tipo de instalacións crearon graves problemas por todo o territorio español durante os últimos anos. Para eliminar os refugallos e non ter que reciclar estas empresas empregan incendios e explosións. Por exemplo, no 2017 arderon 6 plantas de reciclaxe situadas en Navarra, Valencia, Lleida, Arganda del Rey e Málaga. Nos anos 2017 e 2018, as plantas situadas en Ribeira, Arteixo, As Somozas e Padrón tamén sufriron incendios e nun dos casos unha explosión, causando tamén graves danos no medio ambiente e problemas moi importantes de seguridade cidadá.