Hemeroteca

Desde Octubre 2010

Atrás O Pazo de Mariñán acolle o xoves unha actividade dirixida ás mulleres que sufriron cancro de ma

Oleiros, 22 de maio de 2018-. Todas as mulleres veciñas de Oleiros que sufriron nalgún momento un cancro de mama están a recibir nas súas casas unha carta invitándoas a participar nunha actividade o vindeiro xoves 24 de maio no Pazo de Mariñán en Bergondo. Esta xornada enmárcase dentro da estratexia do Servizo de Oncoloxía do CHUAC, dirixida ás mulleres da Area Sanitaria da Coruña, na que colabora a Deputación da Coruña, que ten como obxectivo o empoderamento aplicado ao binomio doenza e saúde, promovendo a prevención e os hábitos de vida saudábeis fronte ás limitacións producidas pola enfermidade.

Durante toda a tarde do día 24 de maio as mulleres asistentes poderán escoitar e preguntar a un conxunto de especialistas da saúde en distintos ámbitos (alimentación, social, psicolóxico, xinecolóxico, fisioterapia, dermatoloxía…), no que se pretende que sexa un encontro entre profesionais e pacientes de forma directa e próxima.

O Concello de Oleiros colabora na divulgación desta actividade co Sergas co obxectivo de facer chegar a todas estas mulleres a información. Asemade, desde a Concellería de Servizos Sociais e Sanidade, está previsto iniciar no último trimestre do ano actividades nesta mesma liña de promoción de hábitos de vida saudábeis dirixidas especialmente a este colectivo de mulleres.
 

back link