A nova mostra expositiva, que xa se pode visitar, dá continuidade a outras actuacións vencelladas a este espazo e impulsadas nos últimos anos polo Concello de Oleiros, como foron a recente construción dun aparcamento en Canabal, a sinalización e elaboración de planos dos sendeiros do Monumento Natural, a colaboración en proxectos de investigación coa Universidade da Coruña ou a organización de roteiros guiados gratuítos, entre outras.
A Aula do Mar, que xa formaba parte da Rede REMA (Rede de Espazos Museísticos Atlánticos) e conta co recoñecemento como Centro Azul de ADEAC (Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor), pasa tamén a integrarse na Rede de Centros de Interpretación do territorio Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas, un conxunto de espazos destinados á divulgación e conservación do patrimonio desta Reserva de Biosfera recoñecida pola UNESCO desde o ano 2013.
O proxecto de renovación do centro museístico da Aula do Mar foi financiado pola Unión Europea, con fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia – Next GenerationEU, a través do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino de Mariñas Coruñesas.
A Aula do Mar recibiu entre os meses de xaneiro e outubro de 2025 9.400 visitantes.