Oleiros, 11 de decembro de 2019-. O Concello de Oleiros ten previsto instalar varias árbores de ferro para denunciar os repetidos ataques que están a sufrir as árbores dunha das zonas verdes de Canide, nas que todos os anos plantan novas especies os escolares do Colexio Luís Seoane. As árbores forman parte dos parques públicos e ningunha persoa ten ningún tipo de dereito a eliminalos.
O último dos atentados ecolóxicos produciuse esta semana contra un pradairo. A árbore apareceu serrada polo tronco, a unha altura dun metro. Nesta mesma zona, desde o ano 2017, tamén foron eliminados mediante diversos métodos dous castiñeiros, dúas catalpas e tres metrosideros.
Para identificar a persoa ou persoas que están a perpetrar estes atentados ecolóxicos, o Concello solicita a colaboración veciñal. Calquera persoa que poida achegar algunha proba debe dirixirse á Policía Local (981 610 001). Este tipo de actuacións supón unha sanción inicial de 6.000 euros.