Hemeroteca

Desde Octubre 2010

Atrás O Concello de Oleiros organiza unha ruta polos viñedos e olaría da Ribeira Sacra do Cabe e o Sil

O vindeiro 26 de abril terá lugar a 3ª ruta do programa Andares por Galicia, a cultura da natureza: Ruta polos viñedos e a olaría da Ribeira Sacra do Cabe e o Sil.

O sábado 26 de abril celebrarase unha nova ruta do programa Andares por Galicia: Ruta polos viñedos e a olaría da Ribeira Sacra do Cabe e o Sil.

As persoas participantes visitarán puntos de interese como a reserva da Biosfera ribeira Sacra e Serras de Oribio e Courel, ZEC Canóns do Sil, paisaxe tradicional: viñedos en socalcos, canón do río Cabe, canón do Sil, muíños do río Xábrega, miradoiro e embarcadoiro dos Chancís... para rematar cunha visita cultural á Reitoral de Gundivós (olaría tradicional). 

Este programa céntrase en descubrir as características máis importantes a nivel natural, social e cultural da nosa terra e xerar conciencia de coidado e protección do patrimonio natural e cultural. Así mesmo trata de promover a convivencia e a socialización do grupo de participantes nun ambiente aberto e favorecer hábitos saudables de ocio no medio natural.

A saída do 26 de abril contará con 3 guías especializados/as e ofértanse 40 prazas dirixidas a persoas maiores de idade, cun prezo de 23,00 euros.

As preinscricións realizaranse preferentemente na Sede electrónica/catálogo de trámites/cultura a partir do martes 15 de abril ás 10.00 horas. No caso de que algunha persoa non lle sexa posible realizala así, poderá facelo na Fábrica en horario de mañá de 10.00 a 14.00 horas. 

Para obter máis información sobre esta ruta e o conxunto do programa é posible dirixirse ao Departamento de Cultura do Concello de Oleiros, situado no centro cultural A Fábrica, ben fisicamente ou a través do teléfono 981 636 598 ou do correo electrónico r.caparros@oleiros.org.

back link