Oleiros, 18 de maio de 2018-. O alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, mantivo esta mañá un encontro coa conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, no que acordaron a realización dun convenio para reurbanizar a avenida Rosalía de Castro, desde a rotonda do Lucín ata a ponte da Pasaxe. O documento, que se asinará nos vindeiros días, implicará o traspaso deste tramo de estrada autonómica ao Concello.
No convenio tamén se establecerá que o Concello de Oleiros realizará as obras de renovación das redes de servizos públicos e das beirarrúas. Posteriormente, a Xunta de Galicia procederá ao asfaltado da calzada.
Ademais, o alcalde tamén solicitou información nesta reunión sobre a situación na que se atopa a conexión da vía Ártabra coa AP-9. Segundo comentou a conselleira, está previsto que no mes de xullo sexan ocupados os terreos para a conexión desta vía coa AP-9, para posteriormente solicitar o correspondente informe ao Ministerio de Fomento para a realización desta importante obra.
García Seoane tamén demandou outra vez máis a contratación das obras de construción de beirarrúas en Lorbé. O Concello de Oleiros puxo a disposición da Xunta hai xa varios meses os terreos necesarios para poder levar a cabo esta importante mellora na seguridade viaria dunha zona urbana consolidada do municipio.