Hemeroteca

Desde Octubre 2010

Atrás Máis de 200 persoas conseguiron traballo en 2024 a través do CMF Isaac Díaz Pardo

Un total de 170 persoas por conta allea e 36 a través do autoemprego conforman os 206 postos de traballo nos que de algún xeito participou o dispositivo municipal de mitigación do paro incluído no Centro de Formación Isaac Díaz Pardo. Durante 2024 foron ofrecidos un total de 534 postos ás persoas demandantes de emprego. En total, o centro atendeu a 4.466 persoas, das que case 1.700 tiñan relación co emprego.

Eses máis de medio cento de empregos xestionáronse en 427 iniciativas de dinamización, o que equivale a máis de unha por día do ano, e case dúas se contamos só os días laborables. En total, manexáronse 1.176 currículos enviados para cubrir eses postos e 165 chegaron a ser contratados a través da Bolsa Municipal de Emprego.

A todo isto hai que sumar as 107 persoas empregadas en diversos programas municipais, como peóns para a limpeza viaria perceptores da Risga, operarios de servizos, socorristas, limpeza de praias, persoal e alumnado do Obradoiro de Emprego da zona do Pazo de Lóngora e persoal técnico de Turismo e Aula do Mar.

En canto á atención ás persoas emprendedoras, o resultado foi a creacion de 36 novas empresas que en total crearon 41 postos de traballo, se ben os proxectos asesorados ascenderon a 106.

En materia de formación, o Isaac Díaz Pardo realizou dúas grandes iniciativas, interconectadas relacionadas co acondicionamento dos xardíns e parque da contorna do Pazo de Lóngora, rematando un primeiro Obradoiro Dual de Emprego con 20 persoas participantes e comezando a súa segunda parte con outras 20. Son alumnado das actividades de carpintería e moble, auxiliar de viveiros, xardíns e centros de xardinería.

O resto das actividades de 2024 foron 7 cursos de formación para 105 alumnas e alumnos sobre atención sociosanitaria no domicilio, outro idéntico pero en institucións sociais; competencias N2 en idioma galego, cociña, socorrismo en espazos acuáticos naturais e en instalacións acuáticas e por último auxiliares en conservación e mellora de montes.

back link