Hemeroteca

Desde Octubre 2010

Atrás Francisco Miguel, asasinado polo franquismo, por fin enterrado con dignidade

Un acto protocolario do máximo nivel no Concello da Coruña e no cemiterio de Santo Amaro, serviu para homenaxear o pintor Francisco Miguel. Os seus restos descansan xa nun lugar digno tras seren rescatados dunha foxa común no camposanto de Bértoa (Carballo), onde foi asasinado polos falanxistas en 1936.

Baixo a presidencia da alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e os alcaldes de Carballo, Evencio Ferrero e Oleiros, Ángel García Seoane, participaron no evento numerosas personalidades vencelladas á recuperación da memoria histórica e á restauración da dignidade para as persoas asasinadas polos alzados en armas contra a Constitución.

“Temos que ser conscientes do que nos pode volver a pasar se non espertamos”, dixo o alcalde de Oleiros na súa alocución, en alusión directa á actual ameaza das ideoloxías ultradereitistas. Foi despois de agradecer moi sinceramente o seu traballo á Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica, “que fai un traballo tan nobre e ás veces tan pouco comprendido incluso polas familias das vítimas; hai moito que desenterrar e moito que dicir aínda”.

O alcalde alertou sobre o empuxe do fascismo en varias institucións: “Ollo con estes fascistas que van de demócratas como fixo Hitler, para despois aniquilar aos demócratas. Temos que divulgar ao máximo esta alerta entre familiares, veciños, amigos e coñecidos… hai que estar alerta co avance do fascismo”. 

Foron os familiares directos do pintor, o seu neto Sandro de Miguel Salem e os seus bisnetos Jorge Miguel del Hierro e Regina de Miguel Orozco, quen recibiron a caixa cos restos mortais de Francisco nun emotivo momento que serviu para restaurar a memoria do seu familiar, que se enterrou no cemiterio de Santo Amaro posteriormente, nun memorable acto no que participaron, xunto aos alcaldes, familiares e membros das corporacións, persoas da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica, outros membros da sociedade civil, banda de música e cidadanía que asistiu a título particular.


Acto en Santa Cruz


A Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica (ARMH), en colaboración co Concello de Oleiros, organiza mañá martes no auditorio das Torres de Santa Cruz un coloquio sobre o artista Francisco Miguel e Syra Alonso. Será ás 19:30 horas e forma parte das charlas divulgativas “A vangarda arrebatada” sobre a vida e a obra do pintor.


Os relatores principais serán os investigadores Jorge Calle e David Lozano. Tamén participará Regina de Miguel Gila, bisneta de Francisco Miguel. O acto estará presentado por Carmen Rodeja, da ARMH, e contará co peche do alcalde, Ángel García Seoane.

back link