Na mesa redonda participarán os catro artistas que protagonizan os muaris deste ano: Yoseba Muruzábal, Miguel Golmayo, Xoana Almar e Ana Lageheldt. O primeiro traballará no edificio de Radio Oleiros cunha homenaxe á emisora da resistencia española Radio España Independiente (Radio Pirenaica). O segundo encargarase dunha parede horizontal que dignificará a traspraia de Bastiagueiro e as dúas últimas comezaron estes días a traballar no depósito de auga de Montrove.
Segundo as previsións, e tendo en conta que a metereoloxía pode mover algunha data, hoxe comezaron a pintar o depósito de Montrove, o venres 31 comezará a configurarse a traseira de Radio Oleiros e o 11 de setembro, será Golmayo quen empece a súa obra en Bastiagueiro.
Así mesmo, o parque José Martí acollerá unha exposición con todas as obras murais que se levan realizado ata agora, composta por referencias ás 12 obras que se levan pintado en medianeiras de edificios, planos que revitalizan espazos e mesmo no pavimento, como o executado na praza da Rabadeira.
A idea da expo é resumir nun itinerario territorial estas obras que dan carácter, beleza e dozura a un espazo público que ás veces vese deteriorado polo aspecto visual dalgunhas arquitecturas. De feito, dignificar o espazo público e facelo máis agradable para a cidadanía é o principal propósito desta iniciativa.