Hemeroteca

Desde Octubre 2010

Atrás Chamada do Fondo Galego a unha cooperación responsable con Ucraína

 Oleiros, 9 de marzo de 2022-. Os concellos galegos e a cidadanía en xeral reaccionou á guerra en Ucraína cunha grande onda de solidariedade desde o primeiro minuto. Pese á situación de emerxencia que as organizacións presentes na zona xa están a paliar, é preciso reflexionar sobre o mellor xeito de apoiar á poboación ucraína nestes momentos. Desde o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade realizan unha serie de recomendacións a ter en conta á hora de cooperar.

 
Paralizar as doazóns de bens en especie: está a producir unha saturación tal que carrexa graves dificultades de almacenaxe, loxística e transporte. Ademais, descoñécense os materiais que se necesitan en cada momento, xa que a situación de crise é cambiante. 
 
Priorizar as achegas económicas: o máis eficiente e eficaz é sempre facer unha achega económica ás ONG ou organismos internacionais que están dando apoio á poboación ucraína afectada, para que merquen o que realmente precisan no momento que o precisan. Estas doazóns pódense realizar a través das seguintes entidades, entre outras: Coordinadora Galega de ONGD, Oficina de Coordinación para Asuntos Humanitarios das Nacións Unidas. Fondo Humanitario para Ucraína, ACNUR, Cruz Vermella, Media Lúa Vermella e Comité Internacional da Cruz Vermella. 
 
Non facer envíos de materiais por conta propia: é unha irresponsabilidade trasladar materiais ata a fronteira da zona en conflito. Sempre que se faga un envío de materiais de axuda humanitaria debe ser baixo o amparo dunha ONG especializada. Ademais, se non temos a unha entidade receptora no país de destino, a viaxe pode resultar completamente inútil. 
 
Non desprazarse en busca de persoas: esta tarefa debe quedar en mans das autoridades competentes. Non é posible sortear todos os procedementos legais e burocráticos precisos para a materialización da acollida, porque pode poñerse en risco ás persoas refuxiadas. Moito menos se se trata de menores non acompañados porque xa existe un sistema de acollida institucionalizado e, na medida do posible, as nenas e nenos deben reagruparse coas súas familias.
back link