Novas

Asset Publisher

Back Declaración institucional polo drama humanitario en augas do Mediterráneo

 Oleiros, 13 de maio de 2015-. O Concello de Oleiros leu no pleno do pasado xoves unha declaración institucional motivada polo drama que se está a vivir en augas do Mediterráneo por mor dos movementos migratorios que se están a producir desde os países do sur aos países do norte.O texto integro da declaración é o seguinte:

 
Diante do drama humanitario que estamos a vivir en augas do Mediterráneo, o Goberno municipal quere sumarse ás voces que esixen xa, accións concretas e contundentes, que eviten o sacrificio de milleiros de subsaharianos, libios, sirios... Homes, mulleres e nenos que fuxen de xeitos de crueldade inimaxinables nos seus países de orixe, nos que a guerra se ten convertido nunha industria permanente, alimentada polos intereses, de potencias imperialistas, en vender armas e en apropiarse dos recursos enerxéticos e naturais a cambio de axudas condicionadas.
 
Denunciamos o tratamento hipócrita dado ás vítimas deste éxodo cando se lles etiqueta como inmigrantes sen papeis, omitindo que se trata, por diante de todo, de seres humanos con dereito a asilo político segundo os tratados internacionais, para escapar dunha morte segura por motivos relixiosos, étnicos ou territoriais.
 
Denunciamos ás mafias organizadas e criminais, que atopan na situación desesperada dos que buscan refuxio a gran oportunidade de traficar co terror, namentres a lenta e pesada maquinaria burocrática de Bruxelas, se perde nun rosario de declaracións, sen que se tomen medidas concretas e eficaces que poñan fin a este xenocidio.
 
Denunciamos a sátrapas e ditadores impostos, apoiados polas superpotencias, na recreación, unha vez máis, doutra guerra fría por motivos estratéxicos, xeopolíticos e de ambición polo control dos recursos.
 Esiximos o cese da venta de armamento ás faccións que se enfrontan en guerras tribais nos países en conflito. E por iso  denunciamos o sucio vencellamento de concesións de axudas á Cooperación por parte do primeiro mundo coa compra de armamento que aniquila, sobre todo, a civís inocentes como os que tinxen de vermello o Mediterráneo. 
 
Segundo a Organización Mundial da Saúde un setenta por cento das dotacións de cartos e medicinas son incautados polos gobernantes locais corruptos e con exércitos cada día máis armados. Esiximos á Unión Europea un cambio na política de axudas ao Continente Africano, avogando pola incentivación de proxectos para reverter a situación de fame extrema e conflitos sociais.
Europa non pode esixir aos millóns de cidadáns africanos en situación de éxodo buscando asilo que cheguen con papeis e con traballo concertado. Igualmente de infame é claudicar de salvar aos que navegan á deriva en barcos trampa co argumento de evitar o efecto chamada.
 
Reclamamos o deber humanitario de acoller aos inmigrantes, pero non en guetos ou en campos de refuxiados, porque consideramos que as fronteiras non poden primar sobre a defensa da vida de semellantes. 
 
Esiximos a ONU a actuación democrática no contexto da Asemblea Xeral para desembarazarse da chantaxe exercida de xeito sistemático no Consello de Seguridade polo imperialismo que, co seu dereito a veto, obstrúe a toma de decisións para o desarme de ditadores aliados nas zonas de conflito.
 Máis de novecentos mortos nun naufraxio ocupan os telexornais apenas dous días. Logo reaparecen as loitas intestinas no seo dos partidos corruptos que nos gobernan e encenagan a Política. Pero detrás de cada un deses 900 subsaharianos, libios ou sirios anónimos para os europeos había un ser humano único, cunha memoria e un pasado singulares e cun proxecto de vida ilusionado por diante.
 
Dicimos que xa é hora de que a Unión Europea adquira completa razón de ser como Institución a partir do diálogo necesario entre o Norte e o Sur, entre ricos e pobres, entre os diferentes e diversos por cultura, relixión ou procedencia.  
 
Porque é una inxustiza e una obscenidade que boa parte do progreso do chamado Primeiro Mundo, se teña cimentado na explotación dos recursos dos países que atesouran as meirandes riquezas e, sen embargo, seguen a ser habitados polos máis pobres e explotados do planeta, nun contexto de violación sistemática dos dereitos máis elementais incompatible, co obxectivo desexado polos homes e mulleres de ben, como os que vivimos en Oleiros, que non son outros que cimentar a paz, a concordia, a erradicación da fame, da violencia e promover a integración nunha sociedade que garanta vivir con dignidade.