Oleiros, 2 de maio de 2011-. O Concello de Oleiros, a través do Servizo de Normalización Lingüística continuará este mes coa oferta cultural de dinamización lingüística e de conmemoración do Día das Letras Galegas. A partir de hoxe poderase visitar a exposición A Lingua Galega Historia e Dereitos Lingüísticos da Deputación da Coruña que poderá ser visitada ata o 14 de maio de 2011.
Esta exposición conta con catorce paneis con contidos textuais e fotográficos, os contidos destes son:
- A humanidade e a creación das súas identidades
- A diversidade cultural e lingüística
- Dende a Gallaecia á Galicia medieval
- O esplendor da lingua galega
- A decadencia nos Séculos Escuros
- O Rexurdimento
- O galeguismo na loita pola democracia e os dereitos lingüísticos
- A ditadura e a falta de dereitos: a represión lingüística
- O maltrato ás persoas e o desprezo da súa lingua
- A democracia e a normalización lingüística
- Os dereitos lingüísticos
- O galego na administración
- O galego no ensino
- O galego na sociedade
Así mesmo, a exposición tamén se compón de material audiovisual, dúas curtametraxes de 15 minutos con entrevistas a personalidades da cultura galega e do exilio e entrevistas a especialistas sobre sociolingüística que desenvolverán os seguintes temas:
- A lingua galega: orixe, evolución e decadencia
- Dende o Rexurdimento ao galeguismo
- A II República e os dereitos lingüísticos
- 1936: a ditadura franquista e a galegofobia
- Dende a represión á resistencia
- A democracia e a normalización lingüística
- Os dereitos lingüísticos
Para chegar ao maior número de persoas posible, a exposición percorrerá os institutos do concello. Desde hoxe e ata o día 4 de maio estará no IES María Casares, do 5 ao 9 poderase visitar no IES Neira Vilas e do 10 ao 12 estará no IES Miraflores. Os días 13 e 14 de maio estará instalada no auditorio Gabriel García Márquez coincidindo coa representación da obra de teatro Pelos na lingua.