Oleiros, 28 de setembro de 2017-. O Goberno municipal e os demais grupos da corporación aprobaron no pleno celebrado hoxe unha proposta na que se lle demanda á Xunta de Galicia a construción das beirarrúas en Lorbé, por tratarse esta dunha estrada da súa titularidade. O Concello de Oleiros, despois de chegar a acordo de cesión gratuíta con todos os veciños menos dous, dispón do solo preciso para a realización desta importante obra.
“Queremos a continuidade das beirarrúas en Lorbé desde a casa do pobo ata Sada. É unha zona urbana, con moito tránsito, e agardamos que sexa unha obra prioritaria da Xunta de Galicia o ano que vén. Non se podería levar adiante se non tivésemos o solo. Todos os veciños cederon excepto dous, aos que se lles vai obrigar a que urbanicen eles tal e como recolle o Plan Xeral”, comentou o alcalde Ángel García Seoane.
O Goberno municipal tamén aprobou definitivamente a Ordenanza municipal reguladora de instalacións para apeiros de labranza no solo clasificado de rústico e a modificación do Plan Xeral para continuar co proceso de descatalogación de varias vivendas de Coruxo e Oleiros que non teñen interese arquitectónico.
Todos os grupos municipais, agás o PP, aprobaron dúas declaracións, unha en defensa da sanidade pública e outra para esixir a devolución do Pazo de Meirás. Ademais, quedaron establecidos como festivos locais para o 2018 o día 13 de febreiro (martes de entroido) e o 2 de abril (luns de pascua).