Oleiros, 29 de maio de 2019-. Do 3 de xuño e ata o 8 de xullo, todos os luns, de 10:00 ás 11:30 horas da mañá, no Centro Municipal de Formación, vaise desenvolver unha nova edición de “Coidando Emocións”, os obradoiros dirixidos a persoas coidadoras. O Programa de Apoio a Persoas Coidadoras está enfocado ao apoio da persoa coidadora co fin de mellorar a súa calidade de vida, reducir a aparición de trastornos psicolóxicos e conseguir a mellor adaptación posible á situación que está a vivir a diario no seu rol de coidadora, dotándolle de estratexias para manexar dunha forma axeitada as situacións de estrés coas que se enfronta.
“Coidar ao que coida”, con esta frase resúmese a importancia fundamental que ten o apoio á persoa que asume a responsabilidade na atención ás persoas enfermas ou dependentes, xa que ademais do apoio directo que se presta a través doutros programas como axuda no fogar, centros de día, comida sobre rodas, teleasistencia..., o benestar da persoa coidadora é a mellor forma de contribuír ao benestar das persoas dependentes.
No taller ofrécese ás persoas coidadoras un espazo terapéutico de apoio no que poidan sentirse escoitadas, apoiadas e comprendidas. As persoas coidadoras conectan con outras persoas e adquiren habilidades que lles axudan a enfrontarse aos problemas e conseguir realizar actividades gratificantes.
As persoas coidadoras que desexen participar nesta actividade poden inscribirse no Departamento de Servizos Sociais de Oleiros ou a través do teléfono de atención á veciñanza 981 610 000.