Hemeroteca

Asset Publisher

Back O Concello de Oleiros pon en marcha un completo programa de actos para conmemorar o Día interna

Oleiros, 8 de marzo de 2012-. O Concello de Oleiros pon en marcha un completo programa de actos para conmemorar Día internacional da muller traballadora. Os actos incluídos na programación están dirixidos a poñer en valor o papel da muller en diferentes ámbitos e lugares do mundo, así como en distintos momentos da historia.

A Concellería de Cooperación e Participación Cidadá, en colaboración con Arquitectos Sen Fronteiras, organiza unha exposición de fotografía sobre a vida, a loita e as reivindicacións das mulleres maias  en  diversas comunidades  de Guatemala. A mostra permanecerá instalada na Fábrica ata o próximo 30 de marzo.Pola súa parte a Concellería de Cultura, a través do Sistema de Bibliotecas Públicas Municipais do Concello de Oleiros, ao que pertence o Centro de Documentación da Muller Rosalía de Castro de Santa Cruz, organiza tamén diversos actos ente os que se inclúen unha conferencia sobre escritoras cubanas e a presentación dun libro sobre o papel da muller na guerrilla antifranquista. Estas actividades desenvolveranse respectivamente os próximos 13 e 22 de marzo no Teatro As Torres de Santa Cruz ás 19 horas.

 Ademais, durante todo o mes de marzo as Bibliotecas Públicas Municipais de Oleiros distribuirán unha guía de lectura sobre a concepción, embarazo, parto, crianza e educación nas primeiras idades dos nenos e nenas co obxectivo de que as nais e pais accedan mellor ao coñecemento de como enfrontarse a unha experiencia única e extraordinaria como é o nacemento dunha crianza, os seus primeiros coidados, atencións, etc. Esta guía pretender ser unha ferramenta útil para que as futuras nais e pais poidan consultar unha selección de obras tanto de contidos como narrativas, que lles poden axudar a vivir esta etapa.

Así mesmo, nos próximos meses tamén se realizará un Roteiro cultural e literario organizado entre o Sistema de Bibliotecas Públicas Municipais, o Servizo de Normalización Lingüística e o IES Miraflores, no que se fará un percorrido por distintos lugares do municipio nos que viviron diferentes mulleres ilustres, como unha homenaxe a todas elas. Comezaremos no Castelo de Santa Cruz coa condesa e escritora Emilia Pardo Bazán, trasladarémonos a Mera á residencia de veraneo da xornalista Sofía Casanova e, posteriormente, desprazarémonos a Montrove ao pazo onde pasou parte da súa infancia a actriz María Casares, para rematar en Nós no pazo da escritora Juana de Vega.

Nesta actividade, levarase a cabo un percorrido en autobús por estes lugares e o alumnado de 1º de bacharelato do IES  Miraflores presentará cada lugar e cada unha das insignes mulleres. Dirixidos polo seu profesorado tamén elaborarán un folleto coa súa biografía que será publicado polo Concello de Oleiros e se repartirá ás persoas asistentes. Esta actividade está dirixida ao alumnado do 3º ciclo de ensinanza primaria, ESO e  bacharelato e ao público en xeral que o solicite, pero debido a que as prazas son limitadas  será preciso que se inscriban nas bibliotecas públicas municipais.
 

back link