O Real Decreto 463/2020, de 14 de marzo, polo que se declarou o estado de alarma, suspendeu a actividade educativa presencial e conlevou o peche dos comedores escolares, afectando especialmente aos usuarios máis desfavorecidos, que percibían a través dese servizo unha axuda imprescindible para acceder a unha alimentación suficiente e equilibrada.
Ante esta situación de vulnerabilidade, o Concello de Oleiros acordou proceder ao pago das axudas para a asistencia aos comedores escolares xestionados polas anpas correspondentes á totalidade do curso 2019 – 2020, e non unicamente polo tempo que o alumnado asistiu efectivamente aos mesmos. Esta decisión está respaldada polo disposto no o artigo 8 do Real Decreto-lei, de 12 de marzo, polo que se adoptan medidas urxentes para responder ao impacto económico do COVID-19, no que se menciona o dereito básico de alimentación de nenos e nenas en situación de vulnerabilidade que se atopasen afectados polo peche de centros educativos.
O pago destas axudas farase efectivo ao longo dos próximos días, favorecendo a unhas setenta familias do noso Concello.