Hemeroteca

Asset Publisher

Back O Concello abrirá un expediente sancionador ao Bispado polo abandono da igrexa de Liáns

Oleiros, 1 de marzo de 2012-. O Concello de Oleiros abrirá un expediente sancionador ao Bispado por abandono do patrimonio urbanístico debido ao deficiente estado de conservación no que se atopa a igrexa vella de Liáns. O Goberno local demandou hai varios meses ao bispo de Santiago que efectuasen os traballos de conservación e recuperación necesarios neste templo situado en Montrove, segundo sinalou esta mañá o alcalde oleirense, Ángel García Seoane. «Poñeremos multas coercitivas ata que se arranxe a igrexa», afirmou o rexedor.

Na carta enviada ao Bispado para demandar o arranxo da igrexa recordáballe o alcalde ao Bispado que a familia Abente doou os seus bens para este fin. A herdanza sinala que todos os beneficios que se obtivesen serían destinados á parroquia de Liáns. O documento cita claramente que o beneficio sería destinado «a fins relixiosos e mais de culto católico na mencionada parroquia de Santa Eulalia de Liáns». Os ditos bens foron vendidos posteriormente pola Igrexa por un importe de 530 millóns de pesetas no ano 1989, sen que ao Concello de Oleiros lle consten máis reparacións que a levada a cabo por parte da Igrexa en 1991 a petición do Goberno local e que tan só supuxo un investimento de 3 millóns de pesetas.
 

back link