Oleiros, 12 de agosto de 2016-. A Praza da Liberdade de Nós acollerá o martes 16 de agosto a partir das 20:00 horas un acto público que servirá para homenaxear a Tomás Arévalo Pardo, alcalde do Concello de Oleiros durante a maior parte do período da II República (de 1931 a 1934 e de febreiro a xullo de 1936). A homenaxe contará coas intervencións dunha neta de Arévalo, do alcalde de Oleiros Ángel García Seoane e de varios representantes do BNG.
Tomás Arévalo, nacido e falecido en Dorneda, ferreiro de profesión e membro da Sociedade de Obreiros Marítimos de Santa Cruz, chegou á alcaldía dun concello de aquela moi lastrado polo caciquismo, común a tantos outros municipios galegos do seu tempo. Unha das súas grandes preocupacións foi a erradicación do analfabetismo e a extensión da escolarización: no período republicano pasou Oleiros de 4 a 31 escolas, moitas delas sostidas con fondos municipais. O golpe de estado do 18 de xullo expulsou a Tomás Arévalo e á súa corporación democrática ao tempo que se iniciaba a terríbel represión: el puido escapar, coa súa familia, camiño da Arxentina, facéndose pasar por emigrante. Voltou á súa terra en 1963 e faleceu en Dorneda, a súa parroquia natal, na que tamén está soterrado. Desde 2004 ten unha rúa, na Urbanización As Pardelas.
O acto, que organiza o BNG de Oleiros, estará conducido pola actriz Isabel Risco e acompañado das actuacións musicais de Fran Amil, Xurxo Souto e Os Tres Trebóns.